ENTROIDO VIGO 2012
Viguesas e viguesas!
Vigueses e vigueses!
Cidadás e cidadáns do mundo!
Viandantes en xeral!
Nunha palabra: Compatriotas!
En nome de Siniestro Total, que agora cumple trinta anos de historia e de histeria: Benvidos ó Entroido 2012 de Vigo!
…
Coa emoción propia dos grandes intres, hoxe temos o privilexio de dar o pregón destas festas da carne, do carnal, da cidade encarnada na súa propia identidade. Por iso, sentarvos (se podedes), calarvos (se cadra) e estarvos quietos, aínda que sexa só por un par de minutos, que prometemos brevedade, e verdade, e mentira a partes iguáis. Non vos cortedes, iso sí, e se tedes que interrumpir este discurso con aplausos e vítores, facédelo con ledicia, có ferver da xuventude e coa sabiduría da senectude.
O Gran Vigo deste século vinteún aínda garda o poderío da súa Ría. Barcos que construiron a lenda surcaron as súas augas: os Galeóns de Rande, o Nautilus do Capitán Nemo, os U-boots alemanes da Segunda Guerra Mundial, o Polycommander do Capitán Strom Olsen, o Illas Icas e os Vapores de Pasaxe. O Sireno de Leiro é o vixilante de todos eles, o ronsel de prata que se achega ó sol na nosa Porta do ídem.
E agora nos, as fillas e os fillos de Cachamuíña, vigueses pequenos pero tamén xigantes e, de algún xeito, tamén heroes, rendimos pleitesía ó Deus Momo! (Aplausos, s’il vous plaît.) ¡Cántos Olimpos temos pra o noso Deus, meu Deus! O Castro, A Guía, o Saramajoso, as Cíes: todos eles son palacios naturáis para a divinidade. Momo, o noso Momo, non ven de vacacións, non é un jodechinchos calquera. O Deus Momo nace, vive e morre unha vez ó ano connosco nun ciclo infinito. Iso deixará de pasar cando o inferno amañeza con xiada, cando o Sireno de Leiro críe pelo ou cando chegue o AVE a Vigo: o que pase primeiro.
Pero esta cidade esta fiel, leal, valerosa e sempre benéfica cidade de Vigo ten recursos dabondo. ¿Por qué?, vos preguntaredes. Pois porque temos feito un curso en CCC e sacamos as mellores notas. ¿Por qué?, volveredes a preguntarvos. Pois porque Vigo é a cidade das tres CES. É a cidade do Celta, é a cidade do Cristo e é a cidade de Citroen… Ben é certo que tamén hai outras moitas CES, pero non é cuestión de afondar hoxe nas nosas Carencias, nas nosas Calamidades ou nas nosas Circunstancias. Carape! Carallo! Caramba!
Vigo, a cidade do olivo centenario, é tan múltiple e diversa como o seu Entroido. Barrios e parroquias conforman o seu mapa xenético. Lugares que son as moléculas de Vigo. Benvidas sexan esta noite as xentes moleculares de patrimonios da Humanidade con nomes como:
O Calvario ou, se vostedes prefiren, Lavadores!
Coia e Teis!
Candeán e Cabral!
Beade e Casablanca!
Bembrive e Comesaña!
Matamá e Valadares!
Freixeiro e Sampaio!
Sárdoma e Castrelos!
Bouzas e Alcabre!
Navia e O Berbés!
Oia e Coruxo!
Saiáns e Zamáns!
O Casco Vello e A Ferrería!
E, por suposto e sen ánimo de esgotar a conta, Vigo mesmo!
Este Entroido 2012 supón a unidade de todas estas xentes, de todos nos, fillas e fillos de Cachamuíña. Un Grandísimo Vigo que acolle hoxe tamén a toda á familia do Morrazo, de Cesantes, Rande, Arcade, San Simón ou Redondela. E esta acollida é porque sí. E porque estamos de festa. Unha festa máis democrática que nunca porque a brincadeira, que din os irmáns portugueses, é agora a Burla Negra loitando contra a ignominia das finanzas alleas, contra o desfalco que ven de fora, contra o atraco do que somos víctimas, contra os duques que xogan ó balonmano con cartos públicos. Que os culpables da desfeita e os seus cómplices e encubridores saiban que o Entroido fai tabula rasa de todo. Isto é un aviso a navegantes (ou unha información gratuita de Orange): ricos e pobres, poderosos e desposuidos, vivos e mortos, disfrazados ou sen disfrazar: ninguén é máis que ninguén esta noite!
Compatriotas: vivimos tempos de rendición. O poder xudicial ríndese ós intereses políticos, o poder político ríndese ós intereses financieiros e o poder financieiro ríndese á… á… Ben, ríndese a súa propia ambición desmedida, eso é. Pero todos eles teñen que saber que nos non necesitamos nin a Goldman nin a Sachs, nin a Standards nin a Poor’s, nin á “prima de riesgo”, que non é a prima de Vicente Risco, senón a auténtica merdeira máis fea que Picio. Non precisamos do seu “carnaval” porque nos temos o noso Entroido. E nos non nos rendimos! Xa poden chorar cando lles chegue o seu mércores de cinza: aquí “no se recibe duelo”.
…
Compatriotas: que a vindeira Cuaresma (outra Cé máis) non vos amole. Hoxe comeza aquí e agora o Entroido 2012 en Vigo. Temos por diante cinco días de filloas de sangue, de troula, de esmorga e de tributo cidadán ó Deus Momo. Pero xa sabedes que o tempo é relativo e Vigo é a cidade máis relativa do universo coñecido. Brindemos, pois, por Einstein! … Polo Sireno! … Polo Deus Momo! … Polo Capitán Nemo! … E por Vigo!!!
…
Eh! Eh! Eh…! Un momento, compatriotas. Unha cousa máis! Lembrade sempre que o importante é pasalo ben e non levar un golpe na cabeza. Saúde!
Firmado: Siniestro Total.
Praza da Constitución, Vigo, 17 de febreiro de 2012
Es necesario estar registrado y logueado para poder comentar.
Si deseas acceder como usuario, hazlo desde la página de login, si deseas registrarte hazlo desde la página de registro.